15 ANOS DA TRAXEDIA DO PRESTIGE

20171114_111955A memoria dos peixes:

“Una vez alguien me dijo que los peces no tienen memoria, que en apenas unos segundos olvidan lo que han vivido momentos antes. La memoria de hombres y mujeres me recuerda a menudo a la de los peces, hombres y mujeres que olvidan su historia, lo que han sentido, hombres y mujeres con amnesia abocados a repetir los mismos errores…”

Ismael Serrano (1998)

 

Os que vivimos ó pé do Atlántico estamos acostumados ó recendo do mar, ao salitre que invade todo en pleno inverno, a ese cheiro do argazo que trae o mar picado á ribeira e ós coídos, a ver a escuma das ondas pegada nas fiestras polo vento, escoitar de noite o bater das ondas como un murmurio que nos adormece xunto co zoar do vento…

Por todo elo pagamos un prezo case sempre moi alto: espertar co zoar desesperado dos helicópteros de salvamento marítimo, sufrir a angustia dun pobo mentres se percorre a costa a procura de que o mar devolva o corpo dun mariñeiro ou mariscador, ou que pasen fronte as nosas costas inmensos buques cargados de calquera cousa que un poida imaxinar.

O desastre do Prestige non foi un accidente illado, que non se puido prever ou evitar. Todos sabemos que a forza do mar ou do vento non son controlables polos seres humanos, pero tamén sabemos que determinados riscos, erros e perigos si o son, porque a historia, a lembranza do pasado, demóstranos que os accidentes no mar son desgraciadamente máis frecuentes do que nos intentan facer ver. Coñecer o pasado debe servir para evitar traxedias similares no futuro. E inda que co Prestige voltamos a perder, tamén aprendemos moitas cousas: a afouteza dun pobo que loitou contra o fuel ou a solidariedade dun pais cheo de voluntarios.

Con este traballo pretendemos que os nosos cativos sexan conscientes destes erros e catástrofes, de maneira que estas non queden esquecidas na súa memoria porque non aparecen nun libro de texto. Queremos que os nosos cativos tomen conciencia de que estas traxedias son evitables, se é que desexamos ter un futuro que deixar ás próximas xeracións.

Nada se repite e, se cadra, todo é igual. Só quince anos pasaron dende que o “Casón” embarrancou preto de Fisterra no inverno de 1987, ata que o “Prestige” pasou tamén a formar parte da nosa historia.

Como nos anteriores accidentes, o Prestige poderíase ter evitado si se adoptaran as medidas de seguridade necesarias. A diferenza nesta ocasión foi a resposta que lle deu a xente do mar e a gran implicación cidadán que se produciu debido a magnitude do desastre.

voz de galicia prestige

Ademais de oír grandes cifras de perdas e de inversións, quedaron na nosa retina moitas imaxes que  estes días lembramos e analizamos  na escola e que temos expostas na biblioteca do centro:

1º A AGONÍA DURANTE DÍAS DO PRESTIGE E O POSTERIOR AFUNDIMENTO.

A partires do 13 de Novembro cando o Prestige lanzou un S.O.S. a 50 km de Fisterra, ese pasou a ser o único tema de conversa en tódolos fogares, foron os mariñeiros os primeiros en dar a voz de alarma e deron as primeiras informacións reais aos medios de comunicación sobre a situación do buque e sobre o fuel que derramaba. Moitos deles son actualmente pais ou avós dos nosos alumnos.

IMG_6304IMG_6303

E inda que naquel intre a información do que sucedía era confusa e estaba moi manipulada, actualmente podemos facer unha análise máis obxectiva do sucedido.

Os mestres e mestras non podemos evitar estas traxedias, tampouco podemos permanecer quedos, porque a escola non está separada da sociedade, nin pode permanecer allea e inmutable ó que lles pasa e preocupa os seus alumnos e alumnas, e menos cando días tras día se están a enfrontar cunha catástrofe desta magnitude.

IMG_6284IMG_6295

As actividades programadas para a ensinanza deste tema no noso caso tiveron como base fundamental as cartas que naquelas datas recibiu o noso centro, as fotos que nos cederon veciños e familias e toda a información que foron “descubrindo” os nosos nenos. Uns nenos que naceron uns anos despois desta traxedia.

Os mestres guiamos esta labor onde os nenos expresaron inquedanzas, puideron contrastar moita da información que recibiron e descubren como poden enfrontar situacións como esta.

Adoptar como solución alonxar o buque a 120 millas, deixando unha estela de fuel por toda a costa durante varios días, non parece a solución máis razoable, mírese como se mire e só consegue afastar o perigo momentaneamente, non o evita. Ademais poñer en marcha as máquinas dun barco co casco tan danado só fai que a vibración que producen os motores remate por partilo. Se as autoridades oportunas non sabían que facer con el, por que non preguntaron? Acaso non sería máis lóxico consultar a expertos ou xente do mar que facer? Ás veces non está demais admitir a ignorancia que se ten dun tema. O descoñecemento non é reprochable. Si o é non admitilo e isto é algo do que todos debemos aprender. E a nosa labor como mestres e mestras é ensinarllo, posto que un dos obxectivos da escola é espertar o espírito crítico do noso alumnado.

Ante explicacións absurdas do que ía pasar con ese fuel calquera neno ou nena da costa coñece perfectamente que este fuel acaba chegando a costa, porque moi a miúdo barcos que pasan preto limpan impunemente os seus tanques e como consecuencia o chapapote que se desprende chega as rochas e areais lixando todo. Neste caso o problema foi que estabamos falando dun buque con 77.000 toneladas de fueloil.

IMG_6292

Non pasaron nin dous días cando a nosa ría xa cheiraba a gas, non se podían abrir as fiestras porque o olor era moi forte, e o chapapote xa o estaba ennegrecendo todo. Prohíbese a pesca de baixura e o marisqueo, a xente comeza a perder os nervios e as barreiras non serven de nada, porque o mar  nunca entendeu de barreiras e menos en mar aberto onde carece de sentido a súa colocación.

A indignación era patente neses días, como poden falar de manchiñas, galletas,…? Cando tíñamos parte da costa literalmente asfaltada… Os nosos pobos estaban invadidos polo chapapote, era imposible camiñar sen pisalo: fuel nas casas, nas rochas, nas rúas, nos zapatos, nas praias e incluso na alma e na dignidade do pobo galego. Que pasaba cos compoñentes do verquido que respiramos? e que consecuencias tivo para a nosa saúde?

IMG_6290

20171110_141838

Finalmente o día 19 de Novembro o Prestige afúndese deixando máis fuel como rastro, chegando a 2000 quilómetros de litoral afectado só en España, máis de un millón e medio de rochas impregnadas de fuel e centos de toneladas depositadas na plataforma mariña.[1] Que pasou co petróleo que aínda levaba dentro? E que se fixo co que tiñamos nas costas?

2º A IMAXE DOS MARIÑEIROS E MARISCADORES LOITANDO CONTRA O FUEL.

Pasaron 5 días sen decidir que facer co barco, a que esperaban? preguntan inda hoxe os nenos e nenas ao ver as imaxes.

This slideshow requires JavaScript.

Durante eses días en que o Prestige fai un percorrido turístico pola costa galega o goberno escusouse dicindo que a solución debía dala o armador do buque e o único que se fixo foi alonxalo da costa. Os políticos dedicáronse a defenderse poñéndolle a culpa: a Xibraltar, ao armador, ao patrón, á bandeira de conveniencia, ao monocasco, ao mal tempo ou á mala sorte, isto fai que xurdan conflitos entre os propios nenos e nenas que debaten nas aulas sobre o sucedido e en moitos casos comentan as opinións e explicación que oíron na casa.

Como mestres e mestras a nosa tarefa é explicarlles como esta catástrofe afectou a tódolos cidadáns, nun pobo mariñeiro todos vivimos indirecta ou directamente do mar e ademais todos consumimos produtos deste. Rifando non se arranxa nada igual que non o fan os políticos discutindo para demostrar quen é máis culpable.

Fronte a estas disputas e a pasividade de moitas persoas ante a catástrofe que ía invadindo pouco a pouco as nosas costas, hai que salientar a iniciativa e a unión de moitas vilas contra o fuel. As iniciativas dos bateeiros e mariñeiros foi unha lección inesquecible para todos.

Nas rías baixas miles de mariñeiros coas súas pequenas embarcacións de baixura loitaron recollendo fuel con “capachos”, contedores e aparellos que eles mesmos deseñaron. E deste xeito lograron evitar que o fuel entrara nas súas rías. A impotencia desta xente e a súa loita contra o tempo e o chapapote é unha das maiores leccións que pode aprender calquera.

3º OS VOLUNTARIOS, A SOLIDARIEDADE  E OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN.

Eses días as lonxas dos portos transformáronse en improvisados comedores e os polideportivos en dormitorios onde se alimentaban e logo podían descansar os miles de voluntarios que chegaron de toda Galicia, España e doutros países como Alemaña, Francia, EE.UU,…

This slideshow requires JavaScript.

Moitas empresas e particulares doaron produtos alimenticios e material diverso e foron as Confrarías e o seu persoal, xunto con Protección Civil, os encargados de organizar tanto as labores de recollida de fuel como de xestionar tódolos recursos materiais e humanos para loitar contra a marea negra.

Os rapaces e rapazas deben coñecer que é o que move os voluntarios a axudar nas tarefas de limpeza, que pensan noutras vilas sobre o desastre do Prestige e deste xeito coñecer de verdade por que houbo un movemento social sen precedentes neste pais.

 

20171113_115806

No noso caso os nenos e nenas do centro recibiron, naqueles días, miles de cartas doutros rapaces e rapazas de toda España transmitindo ánimos e bos desexos. Estas cartas forman parte da exposición que preparamos na nosa biblioteca e tamén temos expostas as nosas respostas, 15 anos despois da traxedia.

20171115_112021

Unha biblioteca que leva o nome dun autor (Chelín) que tamén participou no movemento de protesta contra o Prestige e que donou o cadro que hai na entrada do centro.

This slideshow requires JavaScript.

Os cativos deben saber que son perfectos elementos de transmisión, ou o que é o mesmo, poden informar a outros rapaces do que lles estaba sucedendo.

Os alumnos e alumnas deben decatarse do importante papel que xoga Internet e as novas tecnoloxías na distribución de información a nivel internacional, non só sobre a catástrofe do Prestige, da importancia que tiveron e teñen as mobilizacións producidas na sociedade e que mostran como da catástrofe emerxe unha sociedade máis activa, sensible e con maior conciencia medioambiental.

This slideshow requires JavaScript.

4º AS CONSECUENCIAS E FUTURAS REPERCUSIÓN DO SUCEDIDO.

Igual que á labor dos mestres ante este tipo de catástrofes non se pode limitar a un momento, situación ou espazo, tampouco ao fuel se lle puideron poñer barreiras. Chegou ata o Cantábrico e lixou o peixe, os aparellos, a auga, os fondos mariños, as rochas e as praias. E polo tanto debe facerse presente nas aulas, temos que concienciar os cativos de que apesares de que moitos o negaron esta foi a maior catástrofe ecolóxica do país, que o noso futuro vai depender do presente, do que nos mesmos loitemos polo noso medio ambiente. As mareas negras non son froito da casualidade, senón o resultado da cobiza das empresas de transporte marítimo que levan mercadorías perigosas en barcos vellos e inseguros, que se aproveitan dos poucos controis legais que existen sobre as súas actividades, un vacío legal  que non garante o control do tráfico marítimo.

 

IMG_6294

Un verquido como o do Prestige ademais de ser unha ameaza para os seres vivos e a saúde dos organismos de calquera ecosistema, deixa secuelas durante décadas, afecta tamén a economía local e o turismo. En consecuencia, todo o mundo debería aunar esforzos para reclamar un maior control das autoridades nacionais e internacionais sobre o transporte marítimo deste tipo de mercadorías.

A sociedade non pode deixar que outro desastre coma este volva a ter lugar, os mariñeiros non só defenden os seus intereses senón que loitan polo noso benestar e polo futuro de moitas xeracións de galegos. Unha costa tan rica, produtiva e fermosa debería contar cos recursos necesarios para protexela aínda que ogallá nunca se tivesen que usar.

Non se pode esquecer todo como sucedeu cando foi do “Casón”, parece que no momento en que os mariñeiros volven a faenar xa todo volveu a normalidade. É moi difícil coñecer como repercutirá o sucedido na reprodución de moitas especies mariñas, xa que ademais de estar afectados os animais, como peixes ou moluscos, a contaminación tamén afectou os seus ovos e larvas, o que supón que as verdadeiras repercusións e consecuencias desta catástrofe ecolóxica se verán a longo prazo. Nalgunhas zonas as redes aínda aparecen manchadas de chapapote o que é indicativo do estado dos fondos mariños. As praias só van mellorando aparentemente de aspecto, porque o peor atópase baixo a area onde existen capas grosas de fuel baixo unha capa areosa limpa. Se lle das volta a algunhas rochas segues atopando fuel. E cando as mareas son moi vivas e arrastran moita area atopaste con capas de fuel, porque este chapapote enterrado queda protexido da degradación natural e constitúe un foco de contaminación permanente.

IMG_6293

A isto debemos engadirlle que especies como o Arao Común se atopan en perigo de extinción e se non se toman medidas esta especie, que nos últimos 60 anos dispoñía de máis de 3000 exemplares, distribuídos en 8 colonias reprodutoras por toda Galicia, case chegara a desaparecer definitivamente.

Convén que lembremos que as nosas costas e o mar reciben diariamente contaminación orixinada por verquidos urbanos e industriais, lixo, augas contaminadas… ademais do impacto medioambiental que supón a creación de portos deportivos, diques, cetáreas,…

Que podemos facer nós?, preguntarán  moitos dos cativos, poden tomar conciencia da necesidade de reducir ó máximo o consumo dos derivados do petróleo, usando máis o transporte público ou reclamando un maior control sobre o transporte marítimo de mercadorías perigosas. Porque o verdadeiramente importante é que se adopten medidas encamiñadas a que catástrofes coma esta non se repitan nunca máis, que non se teñan que volver vivir escenas como as do Casón, Mar Exeo ou Prestige.

[1] “Prestige: Un año de marea negra. Balance del impacto sobre la pesca y el medio marino”.Mar, nº421. Noviembre 2003, pax.32.

 

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Biblioteca, Infantil, Primaria, Voz Natura. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s